O FADO
É o canto representativo de Portugal. Expresa tristeza e melancolía coas súas letras nostálxicas e as melodías aflixidas. A voz da persoa que canta ten gran protagonismo. Normalmente, os fados son interpretados por unha soa voz acompañada pola guitarra portuguesa e tamén pola española.
A guitarra portuguesa, coa que se acompañan os fados, ten doce cordas.
MÚSICA KLEZMER
É un estilo de música xudía, nacida no leste de Europa durante a Idade Media. Ao longo dos anos foise fusionando con outros elementos musicais do centro de Europa. As súas expresivas melodías están compostas para a celebración, de aí o seu carácter alegre. Son interpretadas por instrumentos melódicos que tratan de imitar a voz humana, como o violín, o clarinete, o acordeón e a trompeta.
MÚSICA CELTA
A cultura celta está presente en lugares tan distantes entre si como Escocia, Irlanda, Bretaña, Gales e o noroeste da península ibérica. Caracterízase polas melodías alegres e apegadizas, interpretadas con violíns, arpas, tambores, frautas e gaitas.
O FLAMENCO
Ten a súa orixe en Andalucía. É produto das influencias musicais dos distintos pobos que habitaron este territorio ao longo dos séculos. Exprésase a través do cante, o baile e o toque. O cantaor ou a cantaora adoita improvisar sobre os acordes da guitarra e os ritmos de palmas ou do caixón. O baile caracterízase polo zapateado, e pola graza do movemento e das mans.
O caixón é un instrumento de percusión que provén do Perú, moi usado actualmente no flamenco pero tamén no jazz e na música latina. Consiste nunha caixa de madeira cun panel frontal e un burato detrás para aumentar a resonancia.