IMOS DE FESTA 2º, 3º, 4º E 6º
Por: Música Vitamínica o 17.4.24 / comentarios: 8 2º, 3º, 4º, 6º, LETRAS GALEGAS, música en galego, regueifa
Coa regueifa "Que viva a nosa lingua" os grupos de 2ºA, 2ºB, 3ºC, 4ºA, 6ºA e 6ºC participaron nun concurso cultural co que optaban ao premio dunha experiencia de convivencia con festa nun lugar da contorna da nosa cidade.
Finalmente conseguiron a experiencia, a cal se levará a cabo o venres 3 de maio na Torre de Hércules e consistirá nunha xuntanza de varios centros nunha xornada que contará cun acto cultural central, unha andaina con itinerario en grupo, diferentes actividades lúdicas e recreativas e como peche dese día, unha festa musical espectacular da man do grupo Mekanika Rolling Band.
Cantaremos e bailaremos con eles e desfrutaremos de cada momento desta xornada, unha gran oportunidade para compartir, socializar e desenvolverse musicalmente máis e mellor e, por suposto, todo en lingua galega!. Non se pode pedir máis.
Estamos moi contentos de ter contribuído coa nosa aportación ao fomento do galego a través do programa Correlingua e tamén agradecidos pola valoración do traballo realizado!.
REGUEIFAMOS EN 2º, 3º, 4º E 6º
Por: Música Vitamínica o 22.3.24 / comentarios: 3 2º, 3º, 4º, 6º, cultura musical, LETRAS GALEGAS, regueifa
Desde a área de Música e Danza colaboramos tamén coas actividades propostas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, pois estamos a prol da nosa lingua en todas as súas versións.
As titoras e titor dos grupos 2ºA, 2ºB, 3ºC, 4ºA, 6ºA e 6ºC quixeron que o seu alumnado participara nesta experiencia de actividade cultural conxunta que contribúe a desenvolvelos competencialmente máis e mellor.
Estes días aprenderon que son as regueifas, coñeceron as súas partes e características principais e traballaron vocalmente a entonación da melodía asimilando recursos básicos de técnica vocal.
A actividade consistiu en crear unha pequena regueifa coa lingua galega como temática para, finalmente, interpretala en coro aplicando as nocións aprendidas.
Pasárono moi ben durante o proceso e, ao mesmo tempo, tomárono moi en serio para conseguir un resultado que lles gustara.
Escoitémola:
Regueifa "Que viva a nosa lingua"
Copla 1: 3ºC e 4ºA; copla 2: 2ºA e 2ºB; copla 3: 6ºA e 6ºC.
Grazas ás titoras e titor por apuntalos para participar nesta actividade grupal entre os diferentes cursos!.




