Conceptos previos:
-Que é a herdanza?
A herdanza é o proceso natural polo que os individuos recollen directamente a
información das células de pais e nais a fillas e fillos coas súas
características.
-Que é a selección natural?
A selección natural é o proceso natural que fai que os individuos que están mellor
adaptados sobrevivan mellor e polo tanto poidan ter fillos que
herdarán as súas características.
-Que é a selección sexual?
A selección sexual é o proceso polo que un individuo escolle a outro en función das súas
características externas para ter fillos.
MÚSICA E EVOLUCIÓN:
1) A primeira experiencia musical
acontece durante a xestación.
Os fetos aprenden
as características musicais da lingua materna dentro da barriga
porque escoitan a partir do quinto mes de xestación. O oído
é o primeiro sentido que desenvolvemos os humanos. Á parte da voz
de mamá, hai outros sons musicais na barriga que compoñen a
primeira experiencia musical dos humanos e dos que os fetos aprenden
cousas: o latexo do corazón é rítmico (outra das características
da música), bum-bum-bum, con este son os fetos aprenden que cando
mamá se axita
o corazón vai máis axiña,
esta é a razón pola que os humanos entendemos que unha música
alegre ten que ter ritmo rápido.
Quizais sexa por esta razón pola que en
todas as sociedades humanas son as mulleres as principais cantoras (a
voz feminina) e polo que sempre acompañan os seus cantos de tambores
(bum-bum do corazón) e de axóuxeres de moitos tipos (o son
shhh-shhh). Así, coma no resto do mundo, estes instrumentos
musicais, os tambores feitos de pel e madeira (chamados tambores de
marco) e os axóuxeres, foron empregados polas mulleres galegas dende
tempos inmemoriais para acompañar os seus cantos. En Galiza os
tambores de marco chámanse pandeiros e os axóuxeres usados para
acompañalos ferreñas: os pandeiros podían ser redondos ou cadrados
e as ferreñas redondas ou planas:


2) Os nenos e nenas poderían ser os fabricantes dos primeiros instrumentos musicais.
Unha
vez que os humanos nacemos, rememoramos a nosa
secuencia evolutiva: primeiro movémonos a catro patas
(primates cuadrúpedes semellantes aos monos), despois poñémonos de
pé e aprendemos a camiñar (Homo erectus), de seguido comezamos a
manexar as mans para construír cousas (Homo habilis) e ao mesmo
tempo imos aprendendo a cantar e falar. A habilidade manual que
permite construír cousas sinxelas desenvólvena os nenos e as nenas
por volta dos catro anos. A esa idade comezaban a construír os seus
propios xoguetes.
Entre
os instrumentos musicais que aparecen no Paleolítico europeo, temos
máis de quince tipos diferentes: asubíos, raspadores, axóuxeres,
tubos sonoros, zoadeiras, etc.


O
máis curioso e sorprendente é que todos eses tipos diferentes de
instrumentos musicais achados no paleolítico europeo foron
fabricados e usados polos nenos e nenas galegos.
Moitos
dos instrumentos musicais que os nenos e nenas fabrican entre os
catro e os sete anos de idade aparecen nas escavacións do
paleolítico europeo. Cando eran moi pequeniños, os nenos e as nenas
fabricaban xa instrumentos moi sinxeliños, por exemplo asubíos,
feitos con cascas naturais como as abelás, as landras ou os
carrabouxos, este tipo conservouse nas escavacións fabricados en
óso.

Aos
cativos gustáballes moito facer xoguetiños que imitasen sons
coñecidos, como os dos paxaros, por iso algúns asubíos levan nomes
de paxaros como as coruxas ou os carrizos, estes construíanos
empregando unha casca dunha noz, un cordeliño e un pauciño e imita
o son das carrizas (Troglodites troglodites).
No
paleolítico tamén aparecen asubíos de pedra, como os que se
fabricaban no norte de Galiza cunha pedra moi brandiña chamada
toelo, cos que tamén se pode imitar o son dos paxaros ou mesmo tocar
unha melodía.

Segundo
os nenos e nenas ían medrando, cada vez construían instrumentos
musicais máis complexos, por exemplo, empregando dous tubiños de
cana cun pouquiño de auga dentro, fabricaban uns xoguetiños, os
paxariños, que cantan coma paxaros, os memso que o oleiros
fabricaban de barro.

Os
xoguetes rotatorios foron moi famosos entre os nenos e nenas de todo
o mundo. Os galegos construían varios tipos que son ao mesmo tempo
instrumentos musicais, por exemplo os cravanoces.

Cun
botón, unha taboíña ou mesmo co óso da pata dun porco fabricaban
un fungo ou bufagatos, un xoguete rotatorio documentado tamén no
Paleolítico.

Empregando unha táboa, cadrada ou con
forma de peixe, atada na punta dun cordel, os nenos e as nenas
fabricaban zoadeiras, instrumentos musicais moi ben documentados no
Paleolítico europeo e que sobreviven unicamente en Galiza, Nova
Guinea, Australia e na África negra.

3)
As nenas cantaban e os nenos construían.
A
selección sexual. A partires aproximadamente dos sete anos de idade
acontece na nosa cultura un fenómeno moi salientable: as nenas
comezan a cantar e empregar tambores de marco (pandeiros, pandeiras e
pandeiretas), como as súas nais, mentres que os nenos comezan a
construír instrumentos complexos que lles permiten facer melodías.
É
moi importante explicar que homes e mulleres temos exactamente as
mesmas capacidades respecto ao canto e a construción e que, polo
tanto, esta diferenciación ten que ter outra base.
4)
Os instrumentos musicais construídos polos nenos rememoran a
historia cultural humana.
Igual
que o noso desenvolvemento físico rememora a nosa evolución
biolóxica, determinadas secuencias culturais que acontecen na vida
dos nenos e nenas rememoran a nosa historia cultural. Quizais o
exemplo máis bonito deste fenómeno sexa o dos nenos que van acabar
por ser gaiteiros.
Na
nosa cultura tradicional moitos nenos aspiraban a ser gaiteiros, pois
era un oficio de prestixio (de lucimento). Dende que eran pequenos
ata que chegaban a tocar unha gaita de fol dos adultos, os nenos
seguían un camiño de construción de instrumentos musicais, de máis
sinxelos a máis complexos, que remata na gaita de fol dos adultos e
que rememora exactamente a historia deste instrumento.


5)
Por que son as mulleres as principais cantoras nas culturas humanas?
A
falta de interese das nenas na construción de obxectos é
probablemente o reflexo da súa actitude no proceso de selección
sexual, a muller non ten que lucirse dun xeito tan activo como os
homes, así que aínda que goza das mesmas capacidades construtivas
que un home, a súa xenética non a impele a desenvolver actitudes
construtivas desde a infancia, pero si que a empurra a cantar e
manexar tambores.
Estas
dúas, as nanas e as calidades aprendidas na barriga da voz
feminina, poden ser as razóns polas que as mulleres son as
principais cantoras nas sociedades humanas. As mulleres humanas non
só empregaron para acompañar os seus cantos os tambores de marco
xunto cos axóuxeres, se non que co paso do tempo os sons dos
tambores (bum-bum) e dos axóuxeres (shhh-shhh), pasaron a formar
parte do mesmo instrumento, e as culturas humanas desenvolveron
tambores con axóuxeres incluídos no seu marco, caso dalgúns
tambores redondos, das pandeiras e das pandeiretas galegas.

Pese
a que as capacidades de homes e mulleres son moi semellantes, a
selección natural colocounos en papeis diferentes dentro das nosas
sociedades primitivas por motivos obvios: as longas infancias e as
lactancias de seis ou sete anos de duración colocaron á muller no
papel de principal coidadora dos nenos e nenas, para coidar hai que
permanecer na aldea e por iso se desenvolveron sociedades
matriarcais, nas que as mulleres organizaban e mandaban nas
sociedades humanas. Como este papel foi ocupados polas mulleres, os
homes foron seleccionados para cazar, protexer e, debido á selección
sexual, construír. Este é o motivo polo que os homes desenvolveron
algo máis de forza.
Os
homes tamén coidaban aos seus fillos e fillas e as mulleres eran
quen de cazar e construír, estes papeis non son excluíntes, son
simplemente inclinacións.
6) A MÚSICA E A COHESIÓN
SOCIAL
Dende
moi antigo e ata os anos 1990, os científicos e científicas
pensaron que a música era simplemente unha diversión dos humanos,
un pasatempo. Ancorada nesta categoría, a música perdía
calquera tipo de relevancia no proceso evolutivo da nosa especie. Non
entanto, nos anos 1990 descubriuse que cando un grupo humano fai
música en conxunto, é dicir, cando cantan, bailan e tocan
instrumentos en grupo, acontecen dous procesos moi salientables:
por unha parte baixa considerablemente a testosterona nos homes, é
dicir, a agresividade do grupo baixa considerablemente. Por outra
parte, increméntase no sangue de homes e
mulleres a concentración doutra hormona: a oxitocina. Á parte de
ser un relaxante estupendo, a oxitocina ten un efecto sorprendente
sobre as nosas mentes: permite fixar memorias positivas e esquecer
acontecementos negativos.
A
música é o mecanismo deseñado pola evolución para xerar cohesión
social dentro dos grupos humanos.
Esta é a principal razón pola que os
grupos humanos en estado natural organizan semanalmente varias
festas, así manteñen forte a súa cohesión e incrementan a súa
colaboración. Como nas sociedades tradicionais, e na nosa en
particular, moitos traballos se realizaban de xeito comunal, nas
aldeas galegas organizábanse, polo menos, dúas festas á semana e
nalgúns lugares incluso tres. Nestas festas participaban todos os
membros da aldea, dende os nenos e nenas ata os avós e avoas.
Xogábase, contábanse contos e sobre todo, facíase música e
bailábase. Nestas festas denominadas seráns, polavilas, foliadas,
ruadas, etc., foron as mulleres as principais encargadas de aportar a
música nestas festas cantando e tocando os seus tambores.
7) Tocar a gaita de fol é un xeito de
lucimento.
As mulleres aportaron a maior parte da
música na nosa sociedade tradicional cantando cos seus pandeiros
pero, por que eran os homes os principais tocadores de gaitas?
Por unha parte os nenos xa viñan
encamiñados cara a gaita de fol debido á construción de gaitas por
eles mesmos.
8) Homes e mulleres ocuparon territorios
diferentes.
O oficio das nenas e as mulleres foi
organizar as nosas sociedades. As mulleres organizaban e mandaban nas
aldeas humanas.
Podemos entón dicir que o territorio
propio das mulleres foi a súa casa e as súas leiras. É curioso
observar que as mulleres e as nenas empregaron moitos dos útiles
deste territorio como os trespés, as tixolas, chaves, culleres,
garfos, pratos, latas de pementón e incluso os sachos e aixadas,
para acompañar o canto.

9) O territorio dos homes foi a coida do
gando e a construción.
Moitos dos nenos pastores pasaban moito
deste tempo libre construíndo e tocando instrumentos musicais.
Construír e tocar tres instrumentos
musicais diferentes cos cornos das cabras é un fantástico exemplo
da creatividade (musical) dos humanos, como tamén o é o ser quen de
facer unha complexa melodía empregando unha folla de hedra (unha
práctica só documentada por agora en Xapón, Bulgaria, no Amazonas
e en Galiza), ou empregar unha cana fendida ao medio como
instrumento de percusión e mirlitón
simultaneamente, fabricar gaitas cunhas pallas, xoguetes sonoros
aproveitando materiais da natureza, etc.

10) A música na medicina.
Facían música para acompañalo na súa
viaxe ao inconsciente, para relaxarse, ben usando tambores e cantos,
ben usando os berimbaos.

11) A música nas historias: os
instrumentos de corda e as cantigas.
Outro costume amplamente difundido nas
sociedades humanas e nos que a música participa son as cantigas.
Todas as nosas sociedades teñen o costume de compoñer poesías
baseadas en feitos destacables ou que compre lembrar, e de
cantalas acompañándoas dunha música; xorden así as cantigas e os
romances.

12) A música no ritual relixioso.
Unha das manifestacións máis comúns
da música no ritual galego son os cantos de Nadal e Reis. A relixión
católica fíxose cargo de prácticas moi antigas que celebraban o
solsticio de inverno, é dicir, a morte do ano e o nacemento dun novo
ciclo, simbolizándoo co nacemento de Xesús. Así, no Nadal,
cuadrillas de nenos e nenas, homes e mulleres saían a cantar, de
casa en casa.
Finalmente, lembrar que as actitudes e
papeis diferenciais que homes e mulleres xogaron nas sociedades
primitivas foron deseñados pola selección natural e sexual para
facilitar a nosa supervivencia, non entanto, hoxe en día moitos
destes papeis e actitudes xa non teñen sentido pois as condicións
nas que vivimos trocaron substancialmente, e por iso debemos recalcar
que homes e mulleres deben ser quen de escoller libremente os papeis
queren xogar na sociedade e esta debe permitirlles esta libre
elección en igualdade de condicións, dereitos e obrigas.
INSTRUMENTOS DO MUNDO
. A kalimba (tamén coñecida como sanza ou mbira) é un instrumento musical idiófono, de son doce, e extendido por todo o continente africano.
Tócase principalmente en ceremonias relixiosas e en reunións sociais. Ten o seu maior arraigo en Zimbabue e Mozambique ao sureste de África, onde é considerada un instrumento nacional.
Consiste nun conxunto de láminas de metal nun taboleiro de madeira que se presionan e se soltan cos polgares para producir melodías e acompañamentos.
Tamén ten dous pequenos buratos na parte posterior que poden ser tapados o deixados libres para crear efectos no son.
. O djembé é un instrumento de percusión da familia dos membranófonos. Orixinouse entre Malí e Guinea.
Golpear a pel preto do centro produce notas máis graves e preto do bordo tons máis agudos.
Están feitos con base de madeira e parche de pel de animal.
É un dos primeiros membranófonos que existiu no mundo.
. O sitar é un instrumento tradicional da India e Pakistán, de corda pulsada orixinario da India semellante á guitarra, o laúde ou o banxo pero co mastro máis grande. Identifícase polo seu son metalizado.
Está fabricado cunha madeira moi dura e está composto por unha caixa de resonancia feita a partir dunha cabaza.
. A frauta de Pan é un instrumento de vento de Perú e Bolivia, formado por tubos ocos de bambú de diferente lonxitude, pechados por un extremo, que produce un son harmonioso e equilibrado.O son é producido pola vibración do aire soprado a través dun pequeno burato aberto ao final de cada tubo.
. O banxo é un instrumento de corda orixinario dos Estados Unidos. O seu son é característico e inconfundible.
Está formado por unha caixa redonda de metal cuberta cunha pel tensa como a dun tambor, unida a un mastro longo e estreito de catro a nove cordas.
. O didyeridú é un instrumento aerófono empregado polos pobos orixinarios de Australia. Pertence á familia das trompetas.
Foi creado a partir de troncos de árbores de gran grosor. Ao limpar o tronco obtense un tubo longo que se fai sonar facendo vibrar os beizos nun dos seus extremos. Esta vibración é amplificada polas paredes do tubo e xera o seu característico son.
O seu son característico pode servir para a meditación e axudar ao estado de relaxación profunda.
Identifícaos agora no mapa do mundo.
AGRUPACIÓNS INSTRUMENTAIS