f UNIDADE 8 3º - Música Vitamínica

Imaxes de tema de kelvinjay. Con tecnoloxía de Blogger.

AS ARTES ESCÉNICAS


As artes escénicas son un conxunto de disciplinas artísticas que teñen como obxectivo principal a representación en vivo dunha obra fronte ao público nun escenario.

As artes escénicas son a danza, a ópera, o teatro, os musicais e o circo.

A combinación de diferentes elementos como a música, o movemento, a interpretación e o deseño escénico crea unha experiencia sensorial única para os espectadores.


Danza

A danza emprega o corpo en movemento en conxugación coa música para expresar emocións e narrar historias.

Existen diferentes tipos de danzas, como a danza clásica ou a danza moderna, cada unha coa súa técnica de movementos.

A danza empregouse ao longo da historia como unha forma de celebración, de expresión cultural e de comunicación non verbal entre as comunidades.


Ópera

A ópera combina a música, a interpretación e a escenografía para contar unha historia. 

Os cantantes empregan as súas voces para dar vida aos personaxes, mentras que a música da orquestra crea o ambiente sonoro axeitado. A ópera é considerada como unha das formas máis complexas de arte escénica, xa que require dun alto nivel de habilidade vocal e interpretativa por parte dos artistas.


Teatro

No teatro, as actrices e actores interpretan personaxes e dialogan entre si para contar unha historia. Empréganse elementos como a escenografía, o vestiario, a iluminación e o son para crear un ambiente que transporte ao público a diferentes lugares e épocas. 


Musical

O musical combina música, canto, danza e interpretación no mesmo espectáculo. 

Os artistas son pois, cantantes, bailaríns e actores.


Circo

O circo combina acrobacias, malabares, equilibrismo, domadores e paiasos para entreter ao público. Os artistas circenses adoitan realizar as actuacións en carpas móbiles, empregando elementos como trapecios, teas acrobáticas e aros. 


ELEMENTOS DE REPRESENTACIÓN NA DANZA

1. Corpo



O corpo é o elemento indispensable da danza. Ao bailar, os movementos pódense enfocar en determinadas partes do corpo como na cabeza, no torso, nas pernas, nos pés ou nos brazos. Pero tamén se poden enfocar os movementos no conxunto do corpo; por exemplo, estirado, encollido, dobrado... para expresar un significado concreto.

2. Acción

A danza céntrase na acción de bailar; é dicir, de mover o corpo ao ritmo da música seguindo unha técnica.

Poden facerse movementos nun punto específico do espazo; por exemplo, movemento de caída, de alongamento dunha parte do corpo, xiros sobre un mesmo.

Tamén poden facerse movementos dun punto a outro do espazo; é dicir, que permiten ao bailarín desprazarse na danza; por exemplo, movementos camiñando ou saltando en sitios diferentes.

3. Espazo

Os bailaríns ocupan un espazo cos sus movementos e xestos.

Poden danzar nun punto fixo ou desprazarse por diferentes zonas do escenario.

4. Tempo

O tempo no que se deben facer os pasos dunha danza márcao o ritmo da música, xa que o ritmo é o elemento que indica a duración, a rapidez e, polo tanto, o momento da execución dos pasos nun baile. 

5. Enerxía

A enerxía refírese ao uso da forza, empregando tanto calidades físicas, como o peso do corpo, como emocionais, que caracterizan os movementos na danza. 



2 Reviews:

  1. Hola Loli soy Valentina de la clase 3A

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hola,
      Ya te diré cómo identificarte sin poner tu nombre para hacer los comentarios.

      Eliminar